Saturday 11 de May de 2024

O Concello de Moeche investirá máis de 50.000 euros na nova iluminación da DP-4901


O tramo de estrada provincial entre San Ramón e o campo de fútbol de Moeche vai contar dentro de pouco cun tendido de iluminación pública en todo o seu percorrido, algo inferior a un quilómetro de distancia. O Concello encargoulle á FAEPAC a redacción dun proxecto que prevé instalar 28 farois led, postes e outro equipamento necesario, cuxo orzamento ascende a 50.611,77 euros, impostos incluídos. Esta nova ampliación da rede municipal -coa que se agarda mellorar a eficiencia enerxética- vaise financiar principalmente cos fondos do POS+2023, aínda que o consistorio tamén achegará 6.000 euros. Os pregos técnicos e administrativos do contrato están xa dispoñibles na plataforma de contratación co sector público, dando até o próximo 3 de xullo para a presentación de ofertas. As obras executaranse tan pronto como a Deputación finalice a construción das beirarrúas da zona, nas que xa se prevían as canalizacións soterradas para o cableado e os puntos de ancoraxe dos postes que termarán dos farois.

O traxecto comprendido entre a saída do recinto feiral de San Ramón e o cruzamento coa outra estrada provincial -a DP 4904 que vai ás Somozas- non dispuña dunha rede de iluminación como tal, senón unicamente de puntos de luz pública situados nos accesos ás vivendas. Por esta razón o Concello propúxolle á Deputación que o proxecto provincial para renovar o firme da pista e construír beirarrúas incluíse toda a preinstalación necesaria para un sistema similar ao existente no centro urbano.

Neste sentido, a Administración local presentou ao POS+ deste ano o proxecto correspondente, con idea de levalo a cabo no momento en que finalizasen uns traballos viarios que a Deputación está pendente de licitar de novo neste momento, despois de resolver o contrato coa adxudicataria por incumprimento dos prazos de execución.

Con todo, malia o retraso, o estado actual das obras -que xa dispoñen das canalizacións soterradas- permitiría instalar a nova rede de iluminación. De aí que o Concello publicase hoxe mesmo os pregos técnicos e administrativos e abrise o período de recepción de ofertas para levar a cabo o proxecto.

A documentación preparada pola FAEPAC describe unha intervención adaptada á nova configuración coa que quedará a vía, é dicir, con beirarrúas e unha calzada máis ancha na que a velocidade seguirá limitada a 50 km/h. Atendendo ao tipo de estrada, ás previsións de tráfico e de tránsito peonil e á superficie total, o proxecto técnico sinala a instalación de 28 puntos de luz con tecnoloxía de led, ademais dos báculos -os postes- que os sosterán a unha altura de 7 metros e separados uns 30 metros entre si.

A instalación irá conectada a un único cadro de mando e ofrecerá unha iluminación uniforme en todo o traxecto. Reducirá nun 70% a súa intensidade entre as 12 da noite e as 6 da mañá para rebaixar, ao mesmo tempo, o gasto eléctrico e a contaminación lumínica. Os cálculos técnicos apuntan a que abondará cunha potencia nominal de 1,08 kW para alimentar a rede e que esta funcionará un total de 4.380 horas ao ano, o que dá un consumo enerxético total de 4.730 kW/h e tan só 1,18 toneladas equivalentes de CO2 emitidas á atmosfera. Datos que encaixan coa estratexia de aforro e eficiencia enerxética que está desenvolvendo o Concello como parte do seu compromiso cos Obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2020-2030 da ONU.

Os pregos técnicos e administrativos do contrato poden descargarse desde a plataforma de contratación co sector público do Concello de Moeche. O prazo para que as empresas do sector presenten as súas propostas por vía electrónica finalizará ás 23:59h do día 3 de xullo. O prezo base da licitación está cuantificado en 50.611,77 euros, impostos incluídos, que se financiarán maioritaramente con fondos do POS+ 2023 e cunha achega municipal de 6.000 euros.